Francisco Llorens

Biografía

Nace o 10 de abril de 1874 sendo bautizado na Igrexa parroquial de San Jorge. É o fillo menor de tres irmáns do matrimonio formado por José Llorens Batista, dedicado á importación de ultramarinos e a consignación e Paulina Díaz de Villar, pertencente a unha familia da burguesía local.

Estuda o bacharelato no Colexio Dequidt da súa cidade natal. Por desexo do seu pai comezou a carreira de Comercio, pero a súa grande afección pola pintura lévao a ingresar na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde foi alumno de Román Navarro –sempre se referiu a el como o seu mellor mestre- e a partir de 1892 na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado (Escola De BBAA de San Fernando en Madrid), onde foi alumno de Carlos de Haes.

En 1893 completa a súa formación no taller de Sorolla, de quen aprendeu o valor e a paixón pola luz na paisaxe. Alí coñece a pintores como Josep Benlluire ou Manuel Benedito Vives. En decembro dese ano participa na exposición celebrada no Círculo de Belas Artes de Madrid “Impresións de viaxe”.

En 1897 recibe o que será o seu primeiro traballo profesional, o Casino da Coruña encárgalle realizar uns paneis decorativos con temas de paisaxe.

Obtén unha mención honorífica na Exposición Nacional de Belas Artes de 1899. Ese mesmo ano prepara o seu exame para a bolsa da Academia de España en Roma, que obterá despois dun proceso longo e polémico. 

O 30 de abril de 1902 inicia a súa viaxe como bolseiro a Italia, visitando previamente Barcelona, onde coñecerá a Ramón Casas, Santiago Rusiñol e Gaudí. Dende o barco “Perseo” pintará algúns bosquexos na súa viaxe dende Barcelona a Nápoles.

En Roma, onde vive catro anos, colaborará co xornal coruñés El Noroeste enviando as súas impresións, baixo o pseudónimo de “Sor Checco”. Na capital italiana coñecerá a outros pensionados como Sotomayor, Chicharro, Benedito e sobre todo Piñole e Bacarisas, cos que trabará unha profunda amizade.

En 1903 percorre o norte de Italia, Bolonia, Milán e Venecia. Dende alí trasládase a París (onde quedará seducido pola pintura de Cézanne), e de alí aos Países Baixos. 

Val Esmeralda (Val de Barcia) (1912)
Óleo sobre lenzo 71 x 99 cm
Colección Fundación Barrié (A Coruña)

En Bruxas, vivirá case un ano, impresionado pola paisaxe belga, antes de volver a Italia. Pola súa obra “A Aciñeira” e por outras de menor tamaño concederáselle o premio extraordinario do pensionado de Roma. Grazas a iso, o Rei de Italia adquire para a súa colección particular as súas obras “Campesiños en Flandes” e “Entre rochas”.  

Obtiene una mención honorífica en la Exposición Nacional de Bellas Artes de 1899

Regresa á súa cidade natal en marzo de 1906, onde asistirá con frecuencia aos faladoiros da súa amiga Emilia Pardo Bazán no Pazo de Meirás. Na Coruña vivirá ata 1913 na casa familiar da rúa Picavia. 

Betanzos. As tres barcas (1919)
Óleo sobre lenzo 101 x 25 cm
Colección Fundación Barrié

1907: Obtén a Terceira medalla na exposición Nacional de BBAA polo seu cadro “A aciñeira”. Pinta “O Obelisco”, unha das súas obras de referencia tras o seu regreso de Italia na que en palabras de J.J. Luna “Hai toda unha evocación do impresionismo francés consolidado polo debuxo –Sisley, Pisarro...- e por un gusto modernista, ben posto ao día, sen someterse a exercicios de decoración”  

En 1908, Segunda medalla na Exposición Nacional de BBAA polo seu cadro “Pastoral”. Participa na Exposición Rexional Galega en Santiago (Colexio San Clemente), para a que realiza o seu cartel oficial, obtendo unha das súas tres medallas de ouro. Realiza varios carteis para o Real Club Deportivo de fútbol da Coruña.

En 1909 participa na Exposición Internacional de Barcelona e na Mostra Rexional de Arte Galega en Santiago de Compostela.

1910: Exposición Nacional de Belas Artes. Madrid.

O 21 de xullo de 1912 é elixido por unanimidade Académico Numerario da Real Academia de Belas Artes da Coruña. Participa na Exposición Nacional de Belas Artes en Madrid. 

En 1913 consegue a cátedra de Debuxo Artístico na Escola de Comercio de Barcelona onde reside un anos antes de instalarse definitivamente en Madrid. A partir de agora pasará os invernos en Madrid e os veráns en Galicia.

En 1916 é elixido Presidente da sección de pintura do Círculo de Belas Artes.

Durante 1918 reside en Betanzos (A Coruña) realizando numerosas obras con luz outonal, menos habitual na súa obra de marcada iluminación estival. O 28 de setembro dese ano casa na capela do colexio Dequidt, con Eva Rodríguez (a máis nova dos cinco fillos de D. José Rodríguez Martínez, coñecido na Coruña como Médico Rodríguez) con quen terá dúas fillas, Eva (1920) e Rosario (1925), enviuvando en 1925.

En 1919 cambia a súa condición de Académico Numerario pola de Supernumerario, da Academia de Belas Artes da Coruña.

En 1922 obtén a Medalla de Honor da Exposición Nacional de Belas Artes pola obra “Rías Baixas”.

En 1924 expón no Centro de Galicia en Madrid. Pasa ese verán en Perillo e Bastiagueiro (Oleiros. A Coruña) onde realizará numerosos apuntamentos que despois transformará en pinturas no seu estudio madrileño da rúa Santa Engracia no 6.

En 1925 concédeselle a Gran Cruz da Orde de Carlos III. Ese verán pasará uns días coa súa muller e a súa filla Eva en Cambados, pintando e debuxando recunchos e rúas da vila.

En 1926 participa na Exposición de Arte Contemporánea Española en Bos Aires. 

O 12 de decembro de 1928 foi proposto académico correspondente da Real Academia Galega da Lingua por Eladio Rodríguez Losada, Ángel del Castillo e Francisco Martínez Morás, tomando posesión o 23 de febreiro de 1929

Casa donde veraneaba Francisco Llorens en Mera

En 1929 é nomeado Cabaleiro da Orde da Coroa de Bélxica. Para a Exposición Iberoamericana de Sevilla encárganlle a organización do Pavillón de Galicia, para o que realiza un gran friso sobre a pesca en Galicia. Actualmente no Museo de Lugo. 

Francisco Llorens coa súa filla Rosario en 1929 e paleta do pintor (Colección Fundación Barrié)

En 1930 expón en Bélxica e Holanda. É nomeado membro correspondente da Real Academia Galega. 

Entre 1931 e 1934, pasa os seus veráns na localidade de Mera (Oleiros, A Coruña).

Tras o golpe de estado de 1936, continúa vivindo no seu estudio da rúa Santa Engracia en Madrid coas súas fillas. A rúa José Marañón serviralle de modelo en varias ocasións, aínda que limitará a súa produción considerablemente. En 1937 trasládase coa súa familia a Valencia. Concluída a guerra volveu á súa actividade artística en Madrid, pasando os veráns en Galicia (Sada, A Coruña) dedicado á pintura das súas paisaxes.

En 1941 presentou unha exposición no Salón Cano de Madrid formada por paisaxes de Galicia, bodegóns e paisaxes do xardín botánico de Valencia. 

En decembro de 1942 foi nomeado Académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, por proposta dos académicos Álvarez de Sotomayor, Fernández Labrada e Martínez Cubells. Ingresa o 14 de xuño de 1943, cun discurso titulado “Galicia e a paisaxe”.  

É nomeado Académico de honor da Academia Provincial de Belas Artes da Coruña, o 12 de decembro de 1943.

A partir de 1945 comezou a decaer a súa saúde, padecendo perdas de memoria. Realiza o seu último cadro “A vela vermella” que deixa inacabado.

Faleceu o 11 de febreiro de 1948 en Madrid, onde foi soterrado xunto á súa esposa, pero os restos de ambos os dous foron trasladados posteriormente polo Concello da Coruña ao cemiterio de San Amaro. O seu funeral celébrase na Igrexa de Santa Lucía da Coruña. 

Francisco Llorens, 1946 (Real Academia Galega de Belas Artes)

 

Tras o seu falecemento organizáronse un importante número de exposicións.

En agosto de 1948 exposición “Francisco Llorens” homenaxe organizada polo Concello da Coruña e a Academia de BBAA.

En 1958 exposición no Círculo de BBAA de Madrid patrocinada polo Centro Galego.

1972: Exposición Antolóxica “Llorens. 1874-1948” no Museo de Arte Contemporáneo de Madrid.

1975: “Exposición Antolóxica do Pintor Francisco Llorens. 1o Centenario do seu nacemento”. Deputación Provincial da Coruña.

1980: “Plástica Galega”. Caixavigo. Vigo. 

1986: “Artistas galegos na Colección C.A.M.V.”. Vigo.

1988: “Francisco Llorens e o seu tempo”. Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña.

1991: “Francisco Llorens”. Fundación Caixa Galicia, A Coruña.

1997: “Francisco Llorens: debuxos”. Fundación Caixa Galicia. Itinerante por Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña e Madrid.
“Galicia Terra Única”. Ferrol.
“Colección Caixavigo”. A Coruña. “Autorretrato: o pintor perante a súa imaxe”.
Fundación Caixa Galicia, Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña.

1998: “Francisco Llorens”. Patrocinada polo Concello da Coruña; Caixavigo. Kiosko Alfonso. A Coruña.

No ano 2000 inaugúrase a Casa da Cultura. Concello de Sada.

2002: “Galicia. Dende Brocos a Llorens. Paisaxes e xentes”. Fundación Caixa Galicia. Sevilla.

2003: “A Mares: o espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX”. Museo do Mar de Galicia. Vigo.

2009: “Cabanillas e os artistas do seu tempo”, Museo das Rutas do Viño, Cambados.

2009: “Cabanillas e os artistas do seu tempo”, Museo de Pontevedra, Pontevedra.